Ofrecemos íntegro o número 6, último impreso polo de agora, da nosa publicación en papel, publicado en xuño do ano 2013. Para descargala en formato pdf, clica sobre a cuberta:
Cando visitas o blog que tes perante os teus ollos supomos que te preguntarás quen está detrás, quen escrebe. É ben doado. Somos un grupo de amigos, xente diversa que temos en común traballarmos no rural, uns como mestres, outros como cregos, mais por riba de todo isto únenos o amor pola aldea e as súas xentes. Ningún de nós está na xuventude física, case todos rebordamos o medio século.
Hai dous anos coincidimos nunha cea arredor de tres compañeiros, xunto a case un centenar de asistentes, e alí falouse de "facer algo". Moita foi a xente que se comprometeu a mandar colaboracións mais poucas chegaron.
Pois ben, coas que chegaron fixemos o número cero da publicación (que nós definimos como panfleto) "Que Quede Quen o Conte" e que espallamos en man. Igual ca o número un, o dous, o tres e o catro. Como teredes comprobado os que xa nos lestes algunha vez, o noso non é escreber artigos, pero temos a necesidade de expoñer o que pensamos. Cada un por separado, pero todos a unha.
A piques de publicarmos o número cinco, e tendo noticias de que hai persoas que nos buscan na arañeira mundial, decidimos poñer nós tamén este noso propio fío nesa inmensa tea.
Non sabemos cal será a súa continuidade, mais se alguén se recoñece nas nosas palabras, que mande a súa folla escrita. Igual isto nos anima a seguir facendo novos números.
Ningún comentario:
Publicar un comentario