8 de mar. de 2010

Im Memoriam: Xosé Carlos Peleteiro

Reproducimos a continuación o último artigo escrito polo noso compañeiro na mesa de redacción Xosé Carlos Peleteiro. Para a lembranza dun home bo e xeneroso.

A LOITA POLA LINGUA
Que ben, que ben, que nós falamos tamén! Isto, que parece unha cantiga de xogos de pequenos, debe se-lo máis firme compromiso na loita emprendida pola liberación, exaltación e utilización do noso idioma.
Hai unha cousa clara: que o idioma é patrimonio de todos, é coma o país, coma a paisaxe. E co idioma pasa coma con case todo. Hai quen o despreza, hai quen o aprecia, hai quen se aproveita, hai quen o odia, hai quen o valora, hai quen o deshonra, hai quen o esclarece, hai quen o quere enterrar, hai quen o quere estudar, hai quen o quere esquecer...
E, postos no tema, e deixando a unha beira estamentos e capas sociais, a verdade é que neste circo hai moito divertimento sen pagar nada. "É mellor o sistema lusista porque aí está o futuro" ... "Non llo podo ensinar ós meus fillos porque non lle sirve para nada" ... "Deixárono caer e agora non hai quen o leve arriba" ... "O idioma morrará cos nosos vellos" ... "Aínda non temos aprendido ben o castelán e non imos meter outro idioma na cabeza" ... "Mentres non o falen os ricos non hai nada que facer" ... "En cada bisbarra fálase dunha maneira e así é imposible entenderse"...
Á parte dos de poderosas neuronas e forte vontade que se poñen ó seu estudio a calquera idade está ben claro que o camiño máis natural para falalo é mamalo. E mentres non haxa unhas leis e uns recursos humanos e materiais para ofrecer un ensino en condicións e "a pé de obra" poderemos andar coma o burro na noria: pisar sempre no mesmo sitio sen chegar a ningures.
E os que estudaron o tema, que din? Pois ó que parece non son nada optimistas. O galego é un idioma minoritario, un pobriño camiñante que ten por diante dous ogros que lle atascan o camiño: o castelán e o inglés.
O castelán é o idioma da inmensa maioría dos medios de comunicación, da expresión cultural e da xente do estado español. O inglés é o didoma de referencia internacional, dos negocios e dos ordenadores. E estes dous ogros traballan coma os ogros profesionais, arrasando o que poden e o que lles deixan.
E aquí estamos nós. No século XXI, cos nosos logros e os nosos medos. E se os logros nos animan, os medos inmovilízannos, asústannos, quéimannos...
Pero, hai medo na nosa xente a fala-lo idioma? Pois si, e  moito:
  • Temos medo social. A xente chic fala castelán. A clase dirixente fala castelán. As escolas maiores e menores teñen o castelán como idioma de base. Os nosos cregos, os nosos mestes, os nosos políticos...
  • Temos medo "económico". Para aquí non mandan nada. Temos que recorrer á economía submerxida. Falando galego non hai saída na vida.
  • Temos medo étnico. Os doutros sitios si que progresan. Sempre foron menores ca nós. Nós non valemos para nada.
  • Temos medo corporativo. Cando alguén quere facer algo, sempre ten que aparecer alguén que lle leve a contra. O que un fai o antagonista procura desfacelo.
  • Temos medo "mental". Como me vou eu poñer a facer isto se os doutros sitios, que son máis listos non foron quen de facelo?
E hai máis medos. Máis mecos. Máis lobos. Pero o tema non é quedarnos cos medos nin nos medos, senón botalos fóra. E iso precisa unha loita. E para loitar fan falla medios. E para usar eses medios fai falla xente convencida e eficaz que saiba sacárllelo máximo rendemento. E todo isto non sería nada se falta a "estratexia". Explícome.
É moi distinto o xeito de actuar dun que se sinte acurralado polas presións de todo tipo deses ogros que describimos antes, ó do que sabe que posúe no seu idioma unha xoia moi valiosa e non ten tempo nin quere telo para mirar para a vergoña, desinterese, envexa ou abandono que poida haber ó seu arredor.
Este, coma bon loitador, fará andar adiante os tantos que ten, os que lle dan e os que poida conquerir de seu.

Ningún comentario: